Laura López, de "Actualizados Comunicación", empresa que se adica á xestión da comunicación dixital. Hoxe falamos do Blue Monday

Din por aí que o terceiro luns do mes de xaneiro é o día máis triste do ano. O concepto de Blue Monday, o Luns Azul, acuñado polo psicólogo Cliff Arnall fai case vinte anos, está moito máis relacionado co marketing do que poidamos pensar. E as súas cores tamén. Arnall desenvolveu unha fórmula que tiña en conta varios factores, como o clima, as débedas acumuladas tras as compras do Nadal, a motivación, o tempo transcorrido dende o Nadal e o tempo
transcorrido dende o último intento fallido de cambiar hábitos.

Sen embargo, esta ecuación pouco tiña de real. Creouse como parte dunha campaña publicitaria para a axencia de viaxes Sky Travel, no Reino Unido. Con ela, pretendíase promocionar a venda de vacacións e escapadas durante o suposto día máis triste do ano. Dende entón, a idea do Blue Monday calou na cultura popular, a pesar das críticas e da falta de base científica sólida.

"(O Blue Monday) Creouse como parte dunha campaña publicitaria para a axencia de viaxes Sky Travel".

"A psicoloxía das cores é un campo de estudo que explora como estas afectan as percepcións, emocións e comportamentos das persoas".

"Coñecer o impacto que teñen as cores no comportamento das persoas serve para estimar o efecto que pode provocar no espectador".

E, aínda que non imos afondar moito máis nisto do Blue Monday, si o imos facer co azul e as cores que nos podemos atopar en redes sociais. Sen ir máis lonxe, se nos detemos a pensar un chisco, darémonos conta de que moitas das redes sociais e plataformas nas que nos atopamos teñen o seu logo ou elementos da súa aplicación de cor azul. Pero isto por que?

A psicoloxía das cores

A psicoloxía das cores é un campo de estudo que explora como estas afectan as percepcións, emocións e comportamentos das persoas. É importante destacar que as respostas ás cores poden variar segundo a cultura, a experiencia persoal e outros factores individuais. Aínda así, hai algunhas asociacións comúns.

✔️ Azul. Xeralmente relacionado coa calma, a serenidade e a confianza. Pode ter efectos tranquilizadores e asóciase a miúdo coa estabilidade. Aquí temos redes sociais como Facebook, os falecidos Twitter e Tuenti, Tumblr, LinkedIn, Telegram, Zoom, Skype, Vimeo…

En publicacións, podemos velo en contas de marcas de auga e tamén de limpeza, xa que transmiten frescura.

✔️Vermello. Sóese asociar coa enerxía, a paixón, a emoción e a acción. Tamén pode evocar respostas físicas, como aumentar a frecuencia cardíaca. E que redes ou aplicacións atopamos con esta cor? Pinterest, Tinder, Youtube, Reddit, Netflix, etc. Podémolo ver tamén en publicacións de rebaixa, por exemplo, incitándonos á acción, pero tamén en publicacións de comida rápida, asociado á idea de enerxía.

✔️Verde. Relaciónase coa natureza, a frescura, a harmonía, a comunicación e os contidos científicos. Pode ter efectos relaxantes e asóciase a miúdo coa saúde e a renovación.

Exemplos: Snapseed, Spotify e WhatsApp.

✔️Negro. Asóciase coa elegancia, o misterio e a autoridade ou exclusividade. Podemos citar X ou TikTok. En canto ás publicacións, adoitamos atopar esta cor, por exemplo, en contas de vehículos de alta gama, posto que se asocia ao prestixio e á alta calidade.

✔️Amarelo. Evoca sentimentos de alegría, optimismo e enerxía. Pode ser estimulante e achegar claridade mental. Aquí seguro que nos acordamos de Snapchat.

✔️ Laranxa. Asóciase coa vitalidade, a creatividade e a atracción. Pode ser unha cor enérxica e cálida. Exemplo: SoundCloud. Tamén se asocia coa sensación de urxencia que podemos atopar nas chamadas á acción de páxinas web ou redes sociais.

✔️ Violeta. Asóciase a miúdo coa creatividade, a espiritualidade e a sofisticación. Pode ter efectos relaxantes e estimulantes ao mesmo tempo. Unha rede social co logo violeta pode ser Twitch ou Instagram.

✔️ Branco. Xeralmente simboliza a pureza, a simplicidade e a paz. Tamén pode representar a limpeza e a claridade.

Consellos e beneficios dunha boa elección de cores en redes sociais.

A psicoloxía da cor emprégase en diversos campos, como o deseño gráfico, a publicidade e a decoración, xa que pode influír nas emocións e comportamentos das persoas. E, coñecer o impacto que teñen as cores no comportamento das persoas serve para estimar o efecto que un recurso
visual, unha creatividade ou unha publicación pode provocar no espectador. De feito, estímase que a cor e a apariencia dun producto afecta ao 93% da decisión de compra.

✔️Consistencia de marca. Manter unha paleta de cores nas nosas publicacións daralle consistencia á nosa identidade visual.

✔️Recoñecemento de marca. Empregar as cores da nosa marca nunha publicación. As cores inflúen tanto que o recoñecemento de marca en redes sociais aumenta cando empregamos as nosas cores nas nosas publicacións. Se, por exemplo, a cor predominante da nosa marca é o vermello, se a empregamos nas nosas publicacións, en determinados elementos ou detalles, servirá non só para diferenciarnos da competencia, senón para mellorar o posicionamento

✔️Que queremos comunicar. É importante pensar que queremos dicir antes de alzar a voz e, cas cores, pasa un pouco igual. Unha vez coñecemos o seu significado, podemos xogar co que queremos transmitir e as cores.

✔️Contrastes. Podemos empregar cores nos nosos deseños para destacar elementos importantes nas nosas publicacións, como as chamadas á acción ou información clave. Esta maneira de destacar un texto facilitará a lectura e a comprensión.

✔️Lexibilidade. O contraste está ben, pero debemos ter en conta a lexibilidade. Debemos asegurarnos de que, se hai texto, se poida ler sobre o fondo escollido. Pódense combinar cores escuras con claras, por exemplo e, en xeral, as cores opostas, non funcionan ben se se sobrepoñen.

✔️Non aos excesos. Ás veces, menos é máis. Empregar demasiadas cores é un erro, xa que pode abrumar á audiencia.

✔️Experimenta. O mellor que podemos facer para saber que cores funcionan ben coa nosa marca e co que queremos transmitir é probar até atopar a estratexia de cores que nos dea os mellores resultados. E, para isto, temos numerosas aplicacións gratuítas como pode ser Canva ou Adobe Express

Máis Información ACTUALIZADOS COMUNICACIÓN:

✔️Páxina Web: https://actualizadoscomunicacion.com/

✔️Facebook: https://www.facebook.com/actualizadoscomunicacion

✔️Twitter: https://twitter.com/actualizadoscom

✔️Instagram: https://www.instagram.com/actualizados_comunicacion/

️"SUSCRÍBETE" ao podcast.

MÁIS ENTREVISTAS: https://www.ivoox.com/podcast-salta-da-cama_sq_f1323089_1.html

Máis Información e outros contidos:

✔️Facebook: https://www.facebook.com/PabloChichas

✔️Twitter: https://twitter.com/pablochichas

✔️Instagram: https://www.instagram.com/pablochichas/

✔️Clubhouse: @pablochichas

✔️Twich: https://www.twitch.tv/pablochichas

Twitter Mentions