A COÑECIDA BANDA DE ROCK DE XANCEDA PRESENTA O SEU QUINTO DISCO: FREAR O MOMENTO

Ith é un príncipe celta que dá nome ao grupo que forman Miguel, Toxo, Alberto, Gonzalo, e Lucía. Este grupo de Xanceda (Mesía, A Coruña) e arredores que xa é un auténtico estandarte da música do país, mantén o principio de facer rock galego e en galego desde os seus inicios. Así mesmo, e ao longo destes anos, realizaron numerosas actuacións pola xeografía galega. Algunhas delas, ademais, compartindo cartel e escenario con grandes bandas do panorama musical español como Los Suaves ou Celtas Cortos.

A música de ITH guíase polas influencias de diversos grupos do rock, do heavy ou do pop, influencias que achegan cada unha das persoas que integran a banda, e que se aglutinan nos seus temas.

“Frear o momento” é o quinto traballo discográfico de Ith. Os oito temas que o conforman beben da creatividade dos últimos dous anos. Fieis ao puro estilo da música rock, os temas tratan temas ben diversos entre si, mais todos xiran arredor dun eixo común: a reflexión.

O disco abre co tema “Aloumiños que festexan”, unha peza rockandrollera inspirada na enerxía que poden chegar a quitar e a achegar ao mesmo tempo as crianzas á vida das persoas adultas. A este primeiro tema séguelle “O indefendible”, que non é senón un canto ao “terra, trágame”: algo co que non te identificas é, xa que logo, un “produto” indefendible. A terceira canción leva por título “Fasquía de cristal”, un medio tempo pesimista que filosofa sobre a enfermidade e sobre a lóxica desta vida. Con “Sen mirar atrás” o grupo muda de discurso cara ao optimismo e a esperanza: a vida só é unha, polo que cómpre aproveitala e amar a quen se ama, sen prexuízos nin estereotipos, mesmo se iso implica deixar atrás media vida e romper con clixés sociais. “Máis aló” é un canto ao activismo e á necesidade de crear piña para mellorar as condicións dos colectivos. Trátase dun berro de rexeitamento ao egoísmo. A sexta canción titúlase “(Des)estimativa”, un tema con moita forza que toma forma de crítica á sociedade estamental (que non clasista) na que algunhas persoas cren vivir. A letra insiste na pouca capacidade que moitas veces temos de estimar o valor dos acontecementos.

Esta vai seguida por “Frear o momento”, que dá nome ao disco, unha composición convertida nunha lección de vida que deixa claro que os sentimentos non se escollen, polo que non se debe ir en contra deles. “O destino” pon o broche final ao disco, teimando en que o destino non está escrito, polo que cómpre avanzar e abrir moitos camiños, pois nalgún deles atoparemos o noso sitio.

“Frear o momento” é un disco autoproducido por Ith e gravado en Abrigueiro Estudios (Friol, Lugo), da man de Arturo Vaquero, entre os meses de outubro e novembro de 2020. Estará dispoñible en formato físico a partires do 15 de decembro e en tódalas plataformas dixitais o día 18.

ITH - Videoclip de ALOUMIÑOS QUE FESTEXAN (Frear o momento, 2020)
https://www.youtube.com/watch?v=utoZ_f74dL0

Vídeo da gravación do disco: https://www.youtube.com/watch?v=b99PDbSoQVk

Facebook: https://www.facebook.com/ithrock

Youtube: https://www.youtube.com/channel/UCVVBrl67cnXn-Nz3KSNuaEQ

Spotify: https://open.spotify.com/artist/7I60al0toB45OvBsQHDHfV

Se che gustan os contidos "SUSCRÍBETE" ao podcast.