Fai máis dun ano a plataforma "Enfermermeiras Eventuais en Loita" ( https://www.enfermeirasenloita.es/) presentaba unha denuncia en colaboración coa portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, ante o comité de peticións do Parlamento Europeo.

Unha denuncia que intenta poñer en debate a situación de precariedade e incerteza laboral na que se atopan as enfermeiras do Servizo Galego de Saúde “debido ao uso abusivo dos contratos laborais temporais“.

Escoitamos a intervención de Catuxa Lagarón, que presentou por vía telemática a denuncia cun relato detallado da situación na que viven máis de once mil enfermeiros inscritos nas listas de contratación temporal.

Desde o grupo demócrata-cristián, pasando polo Grupo Verde, a Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas, o Grupo de Esquerda e Renew Europe, todos eles sen excepción, acordaron seguir adiante coa petición aberta e instaron a seguir investigando, así como a para reclamar datos da Administración da Xunta de Galicia.

Tamén falamos da compra de vacinas por parte da Unión Europea e do comportamento que están a ter as farmacéuticas nesta situación límite de pandemia mundial.